A Xunta destina máis de 1,3 millóns á Federación de Persoas Xordas para facilitar a comunicación e avanzar cara á accesibilidade universal.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta destinará neste ano 2021 máis de 1,3 millóns de euros á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para facilitar a comunicación e avanzar cara á accesibilidade universal. Fíxoo durante unha visita esta mañá á sede da entidade na Coruña na que estivo acompañada do delegado do Goberno galego na provincia, Gonzalo Trenor.
A conselleira visitou o plató no que se gravan noticias adaptadas á lingua de signos sobre asuntos de interese xeral. Esta iniciativa de comunicación accesible desenvólvese grazas á colaboración entre a Xunta e Faxpg. Ao seu abeiro tradúcense, entre outras, as medidas máis importantes recollidas no Diario Oficial de Galicia, como por exemplo, as medidas fronte á covid-19 ou convocatorias de axudas.
Así mesmo, puxo en valor a dedicación de FAXPG no apoio ás persoas xordas no seu día a día con intérpretes que as acompañen en todas as súas tarefas ou na posta en marcha de cursos de lingua de signos, programas de logopedia ou programas de voluntariado.
Máscaras transparentes homologadas
Fabiola García sinalou que as persoas xordas conseguiron recentemente que o Goberno central aprobase a homologación das máscaras transparentes para poder ler os beizos do interlocutor. Por este motivo, a conselleira anunciou que o Goberno galego realizará unha compra masiva destas máscaras para repartilas, en colaboración coa FAXPG, por toda a comunidade.