domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsComarcasRetómanse as feiras en todos os concellos da bisbarra

Retómanse as feiras en todos os concellos da bisbarra

Logo de tres semanas de parón, Tui, Ponteareas, Baiona, Porriño, Gondomar, Salceda de Caselas e A Guarda volveron a acoller nas súas rúas o mercado ambulante que se celebra semanalmente. Redondela farao o vindeiro sábado, 6 de marzo.

O alivio das restricións sanitarias por mor da pandemia da Covid, en consonancia coa baixada do número de contaxios, fixo que en practicamente a totalidade dos concellos da bisbarra decidisen retomar esta semana a celebracións dos mercados ambulantes. O luns pasado houbo feira en Sabarís, o martes no Porriño e en Gondomar, o mércores en Salceda de Caselas, o sábado na Guarda e xa en semanas anteriores voleron os mercadiños ás rúas de Ponteareas e de Tui.

Gondomar

O goberno de Gondomar decidiu, a través da súa concellería de Comercio, reanudar a actividade do mercado ambulante “sempre vixiando e garantindo o cumprimento das normas establecidas na actualidade pola normativa sanitaria marcada pola Xunta de Galicia”. Así o pasado martes, entre as 09.30 e as 13.00 horas, os 36 postos con licenza vixente regresaron a ocupar o seu lugar no paseo de As Cercas, onde a separación entre instalacións establécese en dous metros entre cada unha. Outras das normas a cumprir é ter ao alcance dos usuarios xel hidroalcólico para a súa utilización antes de acceder ao material exposto, garantindo en todo momento a distancia de seguridade entre as persoas. Atende así o goberno local a demanda dos vendedores que se viron afectados polos peches perimetrais impostos pola Xunta e que levaron a Gondomar, ante o incremento de casos rexistrados e as indicacións sanitarias, a suspender temporalmente a súa celebración como medida de prevención para evitar novos contaxios.

Porriño

Un total de 68 postos de venda ambulante instaláronse tamén o pasado martes no Porriño, dende a casa consistorial e ata San Sebastián, con motivo da reanudación da feira dos martes que levaba tres semanas suspendida por decisión municipal. Só se colocaron os postos impares e mañá, 2 de marzo, corresponderalle montar aos que teñan un número par. O acordo do goberno municipal é que o mercado volva celebrarse co 50% dos vendedores en cada quenda. Sergio Casal, concelleiro de Mercados, valorou “o resultado da reanudación dun xeito satisfactorio”, considerando “moi positivo que os vendedores ambulantes poidan volver ao traballo e a vila se revitalice de novo” e eloxiou “a colaboración dos vendedores na observación das medidas de seguridade e distancia”.

Baiona

O mesmo sistema alterno seguen en Baiona. A Concellería de Comercio e Mercado informaba a pasada semana de que “trala confirmación da boa tendencia á baixa, en canto á incidencia da Covid-19 no municipio, o luns 22 de febreiro se retomaba o mercadiño semanal dos luns de Sabarís”. Na mesma liña, informaba de que se volvería a actividade coa redución do número de postos, “producíndose así a rotación entre feirantes cada luns”. O pasado foi a quenda dos postos con número impar e os pares instaláronse este luns 1 marzo. Con todo, poderán acudir ao mercado todos os luns independentemente do seu número os postos de venda de produtos agroalimentarios, como se recolle na normativa.

Ponteareas

A feira de Ponteareas foi a primeira en retomarse. Logo de celebrarse xa o sábado 20 de febreiro, antonte as rúas da vila do Tea volveron a acoller os diferentes postos de venda ambulante. O Concello informou da reanudación da totalidade da actividade das feiras e mercados no municipio argumentado que “a situación sanitaria do Concello mellorou nas últimas semanas e o nivel de contaxios situouse nun nivel equivalente ao de comezos de decembro cando as feiras e mercados tamén se retomaran tralo parón do mes de novembro”. Con todo, dende o consistorio solicítase novamente a colaboración tanto da cidadanía en xeral como dos vendedores ambulantes no cumprimento de todas as esixencias sanitarias.

A Guarda

Os sábados tamén hai feira na Guarda. Retomouse antonte así o mercadiño semanal dos sábados co 50% dos postos habituais. O mercadiño quedara suspendido e só se instalaban os postos habituais de froitas e verduras, plantas e embutidos. Dende o concello guardés lembran que é responsabilidade de todos os veciños controlar a situación sanitaria debido ao COVID-19, sendo necesario manter o uso da máscara e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social.

Redondela

Logo de dous meses de suspensión, o sábado 6 de marzo, o mercado de Redondela volverá a retomar a súa actividade trala diminución de casos activos por coronavirus. De cara a posibilitar que os postos de venda manteñan unha distancia de seguridade apropiada, a feira ocupará toda a Avenida Mendiño que, nesa xornada, quedará pechara ao tráfico, polo que se habilitarán itinerarios alternativos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS