Mañá xoves comeza a décimo primeira edición do festival IKFEM que se vai celebrar até o próximo martes, 25 de xullo, na Eurocidade Tui-Valença.
Mañá xoves ás 20,30 h o concerto inaugural “Dous sistemas solares” terá lugar fronte á praia da Mariña, no Paseo Fluvial, cun concerto especial cheo de maxia no que un piano flotará sobre as augas do Miño, xunto ao un violonchelo e un trombón. Delphine Coutant e a súa tripulación Daniel Trutet e Jenny Violleau chegarán a Tui dentro da xira que están a realizar por España e Francia con este espectáculo visualmente sorprendente.
Este venres 21 a partir das 19 h a vella Ponte Internacional transformarase nun gran escaparate para corenta creadores e creadoras galegas e portuguesas en literatura, música, escultura, moda, fotografía, gastronomía, filmes, artesanía, pintura, maxia e danza, ao abeiro da novidosa IKFEM Creativa. E ás 22.30 h ES no Jardim Municipal de Valença celebrarase o concerto “Encontro de gerações” con Ellen de Lima, Rodrigo e Gustavo Almeida.
O sábado 22 ás 19 h ES na praza da República na Fortaleza de Valença actuará Antía Muíño, Premio Martín Códax da Música Galega 2022, presentando o seu álbum debut “Carta Aberta”. Ás 22.30 h ES no Jardim Municipal António Victorino d’Almeida celebrará os seus 70 anos de carreira musical, un concerto no que tamén participarán Cremilda Medina e Kátia Guerreiro.
O domingo 23 ás 11.30 h ES na praza da República de Valença o quinteto galego portugués Néboa, formado por Susana Nunes, Lucas de Centi, Tomás Porteiro, Jacobo García Lafuente e Sandra Pérez, presentará o seu último EP Fósforo. No mesmo lugar ás 19 h ES chegará o espectáculo musical para público infantil Elektrofadas con Lucía Riveiros e Sandra Fernández. A proposta dominical do IKFEM pecharase ás 22.30 h ES no Convento de Ganfei en Valença coa Fundación Alqvimia Musicae cunha experiencia artístico musical da man de Abraham Martínez, Alfonso Padilla, Antonio Alcántara e Beatriz Rivas.
Abraham Martínez ofrecerá un concerto no órgano da Catedral de Tui o luns ás 20 h baixo o título “Retablo Sonoro. Improvisaciones Hierofánicas”. Ás 22.30h a actividade trasladarase a igrexa de San Domingos cun concerto de música cubana da man da soprano Pilar Moráguez e da pianista Arabel Moráguez.
O IKFEM 2023 despedirá a edición deste 2023 o martes, 25 de xullo, con tres novas propostas musicais. O pianista Daniel Pereira interpretará catro das sonatas máis famosas de Beethoven – Sonata op. 13, Patética; Sonata op. 28, Pastoral; Sonata op. 31, núm. 2, La Tempestad e Sonata op. 23, Appassionata- ás 19 h na Igrexa de San Domingos, nun concerto inclusivo no que se contará con dispositivos especiais para que persoas xordas poidan gozar tamén do concerto a través das vibracións da música. Serán mochilas vibratorias, equipadas cunha tecnoloxía que converte o son en vibración que fará que para que as persoas xordas poidan sentir a música
Para celebrar o Día de Galicia ás 22 h no Paseo da Corredoira actuará a Banda de Gaitas Arume de Malvas con “Percorrendo Camiños” no que plasman a experiencia e as influencias destes nove anos coma agrupación. Por último ás 22.30 h na praza de San Fernando, clausurando o IKFEM, chegará o espectáculo sonoro e visual “Experiencia Sol Invictus” da Fundación Alqvimia Musicae con Abraham Martínez, Alfonso Padilla, Antonio Alcántara, Maria Camps e Beatriz Rivas. Amais cada mañá celebrarase o Balcón do IKFEM no Espazo Xove. A programación detallada pode consultarse en ikfem.com.
“Tui, verán na rúa” ten cita destacada tamén o próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns coa Noite Internacional do Miño coa participación dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur. O evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins, coa colaboración do Concello de Tui.
O venres, 28 de xullo, haberá dobre proposta de lecer: música e cinema.
Así terán lugar os dous primeiros concertos de “Sons na rúa”. Ás 21 h no Paseo da Corredoira actuará Acevedos Delgados. Este grupo de Goián formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado, interpretará versións de cancións xa populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. E ás 22 h na praza do Concello actuará Pacheco Bros. Este dúo, formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, ofrecerá un espectáculo en acústico combinando guitarras e voces. Percorrerán a historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.
E por último o venres 28 ás 22.15 h no Paseo Fluvial dentro das proxección de cinema ao aire libre poderase ver “La Canción del Mar” dirixida por Tomm Moore.