A instalación de fibra óptica neutra vai a velocidade ultrarrápida en Nigrán. O acordo asinado hai menos de 2 meses entre o Concello de Nigrán e Rede Aberta para despregala en todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha teleoperadora beneficia xa a 461 fogares. En Concreto, xa están conectadas 331 vivendas de Priegue (Mámoa e Navás) e 130 de diferentes puntos do municipio (rúa dos Pazos, Camiño Vello,
Camiño das Angustias, Camiño Pedregal, Avenida do Val Miñor e rúa Fonte do Ouro). Os traballos continuarán ata acadar o 100 % do territorio e se centran actualmente en Panxón (Otero Pedrayo, Quinteiro, Lousas, Pardiñeiro e Touza, entre outros).
Esta iniciativa municipal, practicamente pioneira na provincia, conseguíuse tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio. Isto implica o beneficio adicional de reducir obras innecesarias e redundantes, minimizar o impacto ambiental e acelerar o procedemento para a conexión de unidades inmobiliarias.
«O compromiso é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano,
é unha medida pioneira que un Concello asuma o seu despregue e o facemos
porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico», resume o alcalde, Juan
González. Adicionalmente, o concelleiro Diego García Moreira tamén continúa
negociando coas teleoperadoras para que cumpran coas previsións,
conseguindo finalmente que Moviestar dé servizo xa na rúa Canido, Volta do
Médico e parte de Camiño Vello. «Estas iniciativas situarán a Nigrán no 2023
como un dos municipios con mellor cobertura de todo o Estado», indica.
Compre destaca que a inicios de ano o Concello de Nigrán acadou que o
programa ‘UNICO-Banda Ancha’ do goberno central para subvencionar ás
teleoperadoras instaladoras de fibra óptica incluíse 822 vivendas do municipio
non contempladas inicialmente (esta resolución beneficiou, concretamente, a
núcleos urbanos de A Ramallosa, Nigrán e Praia América que paradóxicamente quedaran sen cobertura pese a ter fibra en toda a súa contorna e actualmente están xa desplegados ou en fase de activación).Todo isto súmase ao labor de mediación que leva facendo o Concello de Nigrán entre a veciñanza con problemas de conexión, conseguindo na maioria dos casos resolver o problema ou realizar unha acción coordinada para que ningún
veciño quede sen fibra.
Sobre Rede Aberta
Rede Aberta é un operador neutro de fibra óptica, con case tres anos de
actividade, e está presente en máis de 60 municipios rurais de Galicia. Con
máis de 1.300 quilómetros de fibra óptica despregada para dar servizo de rede
neutra, chega a máis de 146.000 fogares.
Rede Aberta é unha empresa galega que forma parte dos proxectos de
fibra do fondo CEBF, que está en 7 países de Europa. Constituíuse en 2020 e
conta con 20 traballadores directos e máis de 200 indirectos que colaboran
despregando a fibra nos municipios rurais. A empresa ten previsto investir 121
millóns de euros ata 2025 para chegar a 400.000 fogares do ámbito rural.