miércoles, octubre 23, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal achega referentes femininos á rapazada

O Rosal achega referentes femininos á rapazada

- Os 120 nenos e nenas dos campamentos de verán de Concello, do Valinox Novás e da Agrupación Musical do Rosal coñeceron a mulleres que destacan en diferentes eidos do mundo do deporte

Promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos no eido laboral, cultural, artístico, científico… Ese é o obxectivo de ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha igualdade real dando a coñecer e achegando figuras femininas de
calado tamén á rapazada e mocidade.


Máis de 120 nenos e nenas dos campamentos de verán do Concello, do club de
balonmán Valinox Novás e da Agrupación Musical do Rosal participaron dúas
xornadas de convivencia que contaron coa participación de dúas mulleres
deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas e dúas
xornalistas deportivas que deron visibilidade ao deporte practicado por mulleres.


Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “con estas actividades
buscamos desmitificar a supremacía do deporte masculino, relatando as súas
experiencias persoais neste mundo e animando a todos os nenos e nenas dos
campamentos a realizar diferentes deportes de forma profesional”.


Durante estes días, ademais da visita da rexedora, nenos e nenas puideron coñecer
na primeira xornada a historia de Paula Montes, licenciada en Ciencias da
Información pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Periodismo
Deportivo pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid e cunha ampla traxectoria
no mundo do xornalismo deportivo, encargándose na actualidade da información
deportiva en Radio Vigo Cadena Ser, ademais de exercer en informativos e ser
presentadora en Televigo.


Xunto con ela estivo a remeira Thitina Fariña, deportista de 17 anos e estudante de
Bacharelato que leva dende finais da educación primaria en contacto co remo de
banco fixo. Leva 7 anos practicando remo, as últimas tres tempadas no C.R.
Chapela, ocupando a día de hoxe o posto de patrona.


Na segunda xornada as participantes foron a xornalista Samantha Konopczyk e a ex
xogadora e adestradora de balonmán Laura Morais. Konopczyk, neta da diáspora
galega que emigrou ao Brasil na posguerra, leva afincada na Guarda máis de 20
anos. Leva máis de 15 anos traballando en distintos medios, ten un Máster en
Igualdade de Xénero e oito anos de experiencia como profesora de ioga para
persoas adultas e crianza, o que achegou aínda máis ao mundo do deporte e a vida
saudable.


Pola súa banda, Morais foi xogadora de primeira liña en categorías base convertida
a extremo esquerdo na máxima categoría e reconvertida nos dous últimos anos en
central. Pertenceu durante moitas tempadas ao club Mecalia Atlético Guardés,
xogando tamén noutros equipos de España. Acadou diversos logos deportivos
tanto na Liga Guerreras Iberdrola, a Copa da Raíña, na EHF Cup co Guardés e coa
selección galega.


Co proxecto ‘Mulleres que inspiran’ o Concello do Rosal busca camiñar cara á
igualdade a través de diferentes liñas de actuación para proporcionar visibilidade
ás mulleres e aos seus logros, favorecer a erradicación das desigualdades de
xénero, por sobre a mesa os mecanismos que favorecen a violencia de xénero e
promover a formación en igualdade de oportunidades e a reflexión sobre todo tipo
de violencia.


Ademais dunha liña centrada no deporte, o programa conta con outras, como os
encontros con profesionais, que achegou ao alumnado da ESO do CPI Manuel
Suárez Marquier á historia de José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de
ámbitos feminizados, e de Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido
tecnolóxico.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS