O presidente do PPdeG asegurou que o tempo do populismo en España está
esgotado e que é o momento da solvencia e da seriedade do proxecto que
encarna Alberto Núñez Feijóo e que durante anos demostrou en Galicia.
Neste sentido explicou que na súa formación teñen claro que o mellor xeito de
facer unha política útil e escoitando á xente, facendo propostas e ofrecendo
solucións concretas a problemas concretas.
Os galegos, engadiu, non precisan que ninguén lles dea leccións de como
facer xestión nin merecen que se lles siga mentindo con falsas promesas;
senón que necesitan a alguén que, como Feijóo ten demostrado, pase das
palabras aos feitos e poña o foco sobre a cidadanía con compromiso e
responsabilidade.
Rueda subliñou que esta “política galega” é máis necesaria que nunca para
acabar co “ninguneo” do sanchismo a Galicia, materializado en feitos concretos
como o continuo aprazamento da chegada dos trens Avril, a mala xestión dos
fondos europeos ou a paralización da transferencia da AP-9.
Centrándose especificamente na situación do litoral galego, o presidente do
PPdeG afirmou que as políticas impulsadas desde o Goberno central puxeron
en risco máis de 4.000 edificacións ubicadas na costa e que son claves para a
economía e para as familias.
No caso concreto de Poio, serían preto de 80 os damnificados entre empresas,
instalacións deportivas ou mesmo ata colexios: “Falamos de servizos, de
empregos e de edificacións que xa están aí”.