viernes, septiembre 20, 2024
InicioActualidadeCulturaJuan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez, premiados coa Medalla de Ouro...

Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez, premiados coa Medalla de Ouro de Galicia

- O presidente Rueda destaca que os galardoados son persoas que acadaron unha “importancia singular no panorama musical a nivel internacional” nas últimas décadas, pero “sen perder nunca a vinculación con Galicia”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o decreto
polo que se conceden as Medallas de Ouro de Galicia 2023 aos músicos Juan Pardo, Luz
Casal e Carlos Núñez. O titular do Goberno galego resaltou que se trata da maior distinción
que outorga a comunidade autónoma galega e que, nesta edición, dedícase “a un dos
aspectos máis senlleiros do patrimonio” cultural galego como é a música.


Rueda subliñou que os tres galardoados deste ano son persoas que “tiveron unha
importancia singular no panorama musical a nivel internacional” durante as últimas décadas, pero “sen perder nunca a vinculación con Galicia”.


O titular do Goberno galego resaltou que Juan Pardo é “un dos emblemas da escena cultural galega e española da segunda metade do século XX”. Nado en Palma de Mallorca en 1942, aínda que criado en Ferrol, Pardo formou parte de varios dos grupos máis importantes da década dos anos 60 como Los Pekenikes, Los Brincos o Juan y Junior.
Entre os seus éxitos, Rueda destacou a “inmortal Anduriña” ou o disco íntegramente en
galego que publicou en 1976 baixo o título Galicia, miña nai de dous mares.


Outra das artistas que este ano será condecorada coa Medalla de Galicia é Luz Casal, nada
en Boimorto en 1958 e autora de numerosos éxitos así como de temas para bandas sonoras de películas tan recoñecidas como Mar adentro, El bosque animado ou Tacones Lejanos. Ademais é a precursora do Festival de la luz que se celebra cada ano na súa vila natal e conta con outras distincións como a Medalla Castelao en 2010, un premio Goya a mellor canción orixinal, o Premio Nacional de Músicas Actuais en 2015 ou o recente nomeamento como Comendadora das Artes de Francia. “É unha das artistas máis destacadas a nivel galego, nacional e internacional desde a década de 1980”, indicou o presidente autonómico.


Por último, o Consello aprobou hoxe distinguir tamén coa Medalla de Ouro de Galicia ao
gaiteiro Carlos Núñez, “un dos difusores da cultura celta e un dos embaixadores máis salientables da música galega no mundo”, resaltou Rueda. Nado en Vigo en 1971, a cultura
celta está presente en todos os seus traballos musicais e mesmo no libro ‘La hermandad de
los celtas’. Descuberto por The Chieftains nun concerto en Vigo, colaborou por primeira vez
con eles en 1989 e desde entón compartiron escenario en múltiples ocasións. Conta con
diferentes recoñecementos como a Medalla Castelao en 2010 ou un Premio Ondas e leva
vendidos máis dun millón de discos en todo o mundo.


As Medallas de Ouro de Galicia son a máxima distinción que concede a comunidade
autónoma. O pasado ano recibiron este recoñecemento persoas que destacaban pola súa
contribución a difundir o Camiño de Santiago mentres que en 2020 e 2021 foi para os
sanitarios que se encargaron de atender pacientes ou da vacinación durante a pandemia.
As distincións serán entregadas nunha gala que se celebrará o vindeiro 24 de xullo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS