O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, vén de realizar a súa primeira visita institucional ao Concello das Neves no arranque dos contactos que está a establecer cos representantes dos 47 municipios da área territorial e ofreceu a “máxima colaboración e dispoñibilidade” do executivo galego coas súas necesidades tras manter unha xuntanza de traballo co alcalde, José Manuel Alfonso.
O representante autonómico, que se interesou polas primeiras semanas no cargo do
rexedor e do novo goberno local, recolleu os temas e os proxectos de interese para o
municipio vencellados á Xunta de Galicia ou aqueles nos que poida haber colaboración
entre ambas administracións e que se centran, nesta primeira instancia, en materia de
infraestruturas. Nos vindeiros días, dita documentación examinarase detidamente para
facer as correspondentes xestións coas distintas consellerías.
Tras o encontro, Agustín Reguera, que recibíu o agradecemento do alcalde por aceptar
con celeridade o convite para celebrar esta visita institucional, garantíu que o contacto co
Concello das Neves será “periódico e constante no marco da política de cercanía da Xunta
cos concellos e os cidadáns” e destacou o “compromiso” do goberno galego con este
municipio da bisbarra do Condado.