A Xunta acaba de recibir unha nova relación de vivendas dispoñibles en Galicia propiedade da Sareb na que a entidade financeira reduce agora a só 187 os inmobles que están actualmente en comercialización na Comunidade e reúnen as condicións necesarias para o seu uso.
Esta nova comunicación prodúcese a raíz da reunión mantida a finais de xuño entre o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e representantes da Sareb, un encontro durante o cal o responsable autonómico volveu demandar concreción sobre o parque residencial do que dispón actualmente en Galicia e información detallada sobre a situación particular de cada inmoble.
Así, das 187 vivendas incluídas na última listaxe recibida, só 20 están localizadas en municipios galegos cun número elevado de demandantes, concretamente, 2 no concello de Vigo e 18 no de Ferrol. Pola contra, na relación facilitada pola Sareb non se inclúe ningún inmoble localizado nas outras 5 cidades galegas.
Ademais, a meirande parte das vivendas das que dispón a entidade en Galicia, segundo a última comunicación remitida ao IGVS, atópanse na provincia da Coruña (un total de 155). Na de Lugo so inclúe 6 vivendas e na de Pontevedra, 26. A provincia de Ourense non está presente na devandita lista.
Sareb comunica que tamén dispón de 869 vivendas que ou ben están sen rematar, ou teñen algún tipo de problema que impide a súa comercialización. En todo caso, deste total, só 103 se localizan nunha cidade galega: concretamente, a meirande parte delas están no concello da Coruña (86), mentres que en Vigo non existe ningunha en construción ou pendente de comercializar.
Á vista destes novos datos, polo tanto, redúcese aínda máis o número de vivendas das que dispón a sociedade bancaria en Galicia, xa que cómpre lembrar que, inicialmente, o Goberno central anunciara que había arredor de 500 vivendas en condicións de uso, cifra que despois rebaixou a pouco máis de 300 e agora, a 187.
Por último, a Sareb tamén comunicou á Xunta as parcelas de solo que ten dispoñibles en Galicia, un total de 1.008 pero ningunha delas emprazada nas 7 grandes cidades, que son as que concentran o groso da demanda residencial na Comunidade.