O PPdeG reivindicou hoxe nunha visita á estación intermodal de Santiago de Compostela a capacidade de xestión e os avances nas infraestruturas galegas da man dos gobernos do PP fronte aos agravios de Pedro Sánchez a Galicia nesta materia.
A número 2 ao Congreso pola provincia da Coruña, Marta González, referiuse nomeadamente a un Corredor Atlántico “abandonado” e do que “hai un comisionado que leva máis de seus meses no seu posto e aínda non se reuniu co Goberno galego para establecer prioridades”.
“A pesar de que o Parlamento Europeo aceptou todas as alegacións sobre a incorporación á rede básica desa infraestrutura e deu a razón á Xunta en todas as demandas relacionadas cos tramos Ferrol-A Coruña, A Coruña-Lugo-Monforte e tamén cos portos de Pontevedra, Vigo-Porto, Marín e Ferrol; isto continúa sen ser atendido e o Goberno segue sen tomar decisións relativas á promoción definitiva desta infraestrutura tan importante”, explicou.
Tamén fixo referencia aos “tres anos que tardou o Goberno en redactar e dar publicidade ao informe de impacto hidroxeolóxico da variante de Cerdedo da Alta Velocidade en Vigo”. O cal, na súa opinión, amosa “a nula prioridade que teñen as infraestruturas galegas para o Goberno de Sánchez”.
Marta González tildou de “tema sangrante” a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia: “A solicitude ten decaído unha vez máis pola disolución das Cámaras, despois dun acordo unánime do Parlamento galego en febreiro do 2021 e que quedou en nada polas indicacións do Goberno de Sánchez á presidenta do Congreso e da Comisión de Transportes para non tramitar a iniciativa”.
Incidindo nesta cuestión, a candidata popular reivindicou as emendas presentadas polo PP mentres que, pola contra o PSOE “di unha cousa en Galicia e, cando chega a demanda a Madrid, fai caso omiso ás reclamacións dos galegos”. Unha actitude que cualificou de “tomadura de pelo” e que se enmarca dentro dos cinco anos de “absoluto abandono” aos que o sanchismo condenou ás infraestruturas galegas.
“O PP traballará para que a AP-9 sexa de titularidade galega, como corresponde e como demandan os galegos, e para acabar coa subordinación da nosa Comunidade e o agravio que supón en relación con outras comunidades que si teñen a titularidade das súas autoestradas”, concluíu.