Un estudo da Universidade de Vigo estima as perdas millonarias da primeira vaga da pandemia nos 26 municipios da raia miñota.
Os 16 Concellos galegos e os 10 municipios portugueses que integran a raia do Miño perderon máis de 92 millóns de euros entre o 17 de marzo e o 30 de xuño por mor do primeiro confinamento e do peche da fronteira entre España e Portugal durante a primeira vaga da pandemia. Esa é a principal conclusión do estudo encargado polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Miño ao doutor en Economía da Universidade de Vigo Xavier Cobas, quen adiantou que o prexuízo económico do actual peche será “moito maior”.
Cobas presentou hoxe o estudo do impacto socioeconómico aos alcaldes e alcaldesas que conforman o AECT Río Miño, que levan reivindicando dende hai un mes que se abran todos os pasos fronteirizos con Portugal polo dano que produce na economía.
O informe arroxa varios datos demoledores sobre o sufrimento da economía nas dúas beiras do Miño, cun impacto na perda de facturación só no comercio e a hostalería (os sectores máis afectados) de 92 millóns de euros, segundo os datos oficiais facilitados polos gobernos centrais. Tamén se detectaron valores importantes de impacto no transporte e no sector inmobiliario, así como no ámbito fabril.
Segundo destacou o profesor Cobas, todos estes ámbitos sufriron, ademais da baixada de facturación pola pandemia, o efecto fronteira, que aumentou as perdas nun 12% no caso do comercio, e un 19% en hostalería e restauración, simplemente polo feito de que as persoas consumidoras non podían acceder dende o outro lado da raia.
180.000 horas perdidas
Outra das cifras que se puxo sobre a mesa o estudo foi o número de horas de traballo perdidas pola espera na ponte de Tui-Valença, o único paso aberto na provincia de Pontevedra. Atendendo a un tempo medio de agarda de 15 minutos na ida e outros 15 na volta (cifra que tira pola baixa), e sabendo que no primeiro peche pasaron polo control 356.000 persoas, a economía da zona perdeu 180.000 horas efectivas. Ademais, a isto habería que sumar o tempo que os traballadores transfronteirizos perderon nos rodeos de centos de quilómetros por non estar habilitados controis en todas as pontes.
O peche de fronteira, explicou Cobas, afectou segundo os seus cálculos, a unas 25.000 persoas en toda a eurorrexión de Galiza-Norte de Portugal.
En canto á repercusión do último peche de fronteiras instaurado dende principios de ano, Cobas subliñou que afectará de maneira moito máis negativa á economía, posto que no primeiro confinamento a actividade económica estaba practicamente parada mentres que agora hai un maior índice de actividade. Así mesmo, o profesor subliñou que o actual peche dos pasos “é redundante e inútil” porque as persoas que van pasar a fronteira son as mesmas, só as autorizadas.