A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a número 2 ao Senado pola Coruña, Verónica Casal, participaron hoxe nun acto sectorial celebrado en Ferrol para abordar as propostas incluídas no programa electoral do Partido Popular co obxectivo de acadar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres en España. Un obxectivo para o que propoñen “leis eficaces e froito do consenso”, xa que, na súa opinión, “a igualdade debe ser un motivo de unión e non de enfrontamento”.
No acto, no que exerceu de anfitrión o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, reafirmouse o compromiso irrenunciable dos populares coa igualdade e a erradicación de todo tipo de violencia contra as mulleres. O cal se materializa nun programa no que se inclúen medidas como o deseño dun plan contra o desemprego feminino ou actuacións destinadas a combater a brecha salarial causada pola maternidade.
“Queremos lograr que ningunha muller teña que elixir entre a súa vida profesional e a maternidade e que o número de fillos que se teñen se corresponda co número de fillos que se desexa”, explicou Verónica Casal ao tempo que reafirmaba a aposta do seu partido pola conciliación mediante medidas como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos. Algo que Alberto Núñez Feijóo puxo en marcha en Galicia e que, tal e como se comprometeu, implantará tamén en toda España.
No que se refire á erradicación da violencia de xénero, que a candidata definiu como “unha das grandes lacras da nosa sociedade e un obxectivo prioritario”, os populares garanten o cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a aprobación dunha Lei Orgánica integral de loita contra a trata con fins de explotación sexual ou o reforzo das unidades destinadas a esta materia tanto na Policía Nacional como na Garda Civil.
Do mesmo xeito, o programa inclúe outras medidas como a dotación con persoal e recursos suficientes ás oficinas de atención ás vítimas nos xulgados e ás unidades de valoración forense integral, a extensión da realización do curso de iniciación sobre a violencia de xénero aos funcionarios públicos, o impulso da tecnoloxía no control de penas e medidas cautelares de afastamento ou a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para atribuír a competencia aos Xulgados de Violencia sobre a muller de todos os delitos comprendidos no ámbito de aplicación do Convenio de Istambul.
“Durante este mandato, os avances en igualdade que se conseguiran nas últimas décadas sufriron un importante retroceso e a sociedade española nin debe nin pode permitir un paso atrás neste tema”, concluíu Casal.