A secretaria xeral do PPdeG considera que Alberto Núñez Feijóo foi o “claro gañador” do cara a cara celebrado onte cun Pedro Sánchez “moi nervioso e incómodo” porque “non lle gusta escoitar que durante cinco anos non fixo absolutamente nada por resolver os problemas da xente e, aínda por riba, xerou problemas que poderían ser evitados”.
O candidato do PP, segundo Paula Prado, foi “o único que fixo propostas claras” como a dun pacto para que goberne a lista máis votada: “Sánchez negouse a firmar un pacto que en Galicia evitaría situacións como as de Santiago, Lugo, A Coruña ou Pontevedra; onde se xuntaron os perdedores para impedir que gobernara o PP a pesar de ser o partido con máis votos”.
“Non sabemos para que Sánchez estivo catro días encerrado, porque onte vimos que non tiña nada que ofrecer aos cidadáns”, ironizou a número dous dos populares galegos ao tempo que concluía: “Sospeitamos que eses catro días estivo encerrado realmente porque non pode saír á rúa e o seu partido nin lle fai actos nin ten capacidade para facelo.
En clave local, a secretaria xeral do PPdeG reivindicou que “se A Mariña lucense tivo voz no Congreso e no Senado na pasada lexislatura non foi grazas a Pedro Sánchez, senón aos representantes do PP que levaron alí os problemas, as inquedanzas e as necesidades de toda a comarca”
Este 23 de xullo, engadiu, a xente da Mariña ten a oportunidade de facer presidente do Goberno de España a “unha persoa que coñece perfectamente a comarca e sabe de primeira man os seus problemas”