sábado, noviembre 23, 2024
InicioActualidadeCulturaA Deputación de Pontevedra estará presente na Feira do Libro de Ponteareas

A Deputación de Pontevedra estará presente na Feira do Libro de Ponteareas

- A institución provincial estará na feira, que se celebra nos Xardíns da Xiralda, cunha caseta propia con obras de temática cultural, literaria e de memoria histórica

A Deputación de Pontevedra revalida a súa presenza na Feira do Libro de Ponteareas,
que arranca este xoves 13 de xullo ás 11:00 horas nos Xardíns da Xiralda (fronte ao
edificio do Concello) e desenvolverase ata o domingo 16 de xullo. A institución provincial
contará cunha caseta propia e, ademais, organiza para o venres, 14 de xullo, unha sesión
de contacontos a cargo de Atenea García. A feira estará aberta en horario de 12:00 a
14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas, aínda que o primeiro día celebrarase só pola tarde.


Na Feira do Libro de Ponteareas a Deputación de Pontevedra ofrecerá unha mostra de
volumes editados pola institución ou que son froito de colaboracións, e de programas
propios como VII Obradoiro Internacional de Tradución Poética, Violetas no asfalto de
Lucía Novas, Auga nómade de Eva Veiga, O fardel da memoria, de Conde Corbal, Tres
tempos e a esperanza, de Mariví Villaverde, Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e
Pontevedra, de Álvaro Cunqueiro, Nos días encantados de agosto. Unha biografía de
José Gil, de Manolo González, 365 días 365 mulleres, Ti non sabes o que é ser escritora
(do Manifesto de Soutomaior), A conversa expansiva. O pasado por vir, O pasado por vir
II, Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra, Regreso á illa de San
Simón, As 9 cruces, Desmontando a propaganda franquista e Tes cinco minutos #3 (da
Escola de letras). As persoas que se acheguen ata a caseta da institución provincial
poderán recibir tamén agasallos promocionais, como cadernos e lapis co lema Cultura cos
pés na terra. Os lapis, ademais, inclúen sementes para que a xente poida, de xeito
simbólico, cultivar cultura nas súas casas.


Como actividade complementaria, o venres, 14 de xullo ás 21.00 horas, terá lugar o
espectáculo de narración oral Estrafalaria, unha sesión de contacontos a cargo de Atenea
García. Trátase dunha actividade que combina a narración oral coa manipulación de
obxectos, onde o público participa activamente do relato.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS