A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 2.883.779 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-400 ao paso polos concellos de Arbo, As Neves e Crecente.
Estas intervencións, adxudicadas á empresa Covsa, comezarán na segunda quincena de
xullo e contan cun prazo de execución de 9 meses.
O obxectivo deste contrato é a renovación do firme da calzada nalgúns treitos da estrada
PO-400, entre os puntos quilométricos 8+700 e 12+660, ao seu paso polo concello das
Neves; do 12+660 ao 17+800 e do 19+300 ao 24+800, en Arbo; e do 24+800 ao 28+000,
en Crecente.
As obras consistirán no fresado e reposición do firme das zonas localizadas que se atopen
deterioradas e no recrecido nalgúns treitos.
Tamén se levará a cabo o acondicionamento das interseccións arredor dos quilómetros
13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos.
Acometerase, ademais, a reparación puntual da sección transversal en distintos puntos
para mellorar a capacidade de drenaxe.
Por último, procederase á reposición das marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o
treito da actuación e á colocación de captafaros.