viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsO TSXG da a razón á Xunta no caso das escolas de...

O TSXG da a razón á Xunta no caso das escolas de Vigo

- A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto polo Concello de Vigo contra a resolución do Consello Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que aprobou a primeira liquidación do ano 2021 do cofinanciamento das escolas infantís Valadares e da situada na rúa Palencia, correspondente á primeira metade do curso escolar 2020-2021

A Administración municipal, segundo consta na sentenza, alegou que as escolas infantís “encaixan no ámbito educativo, non no dos servizos sociais”. Con todo, o TSXG salienta que non ten en conta que a educación infantil (0 a 3 anos) “constitúe o primeiro ciclo dunha etapa educativa de carácter voluntario, que se estende ata os 6 anos”.

Os maxistrados explican que o convenio de incorporación do Concello de Vigo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar “recolle expresamente que, en data 24 de abril de 2006, a Vicepresidencia de Igualdade e Benestar e a Federación de Municipios e Provincias, subscribiran un protocolo de colaboración para a xestión dos servizos locais de ámbito social, con especial atención á xestión integral das escolas infantís”. Ademais, recalcan que no convenio asinado entre o Concello de Vigo e o Consorcio para a xestión da Galescola da rúa de Palencia “se resalta o carácter de servizos sociais de ámbito local deste tipo de centros”, o cal indican que tamén se desprende do convenio subscrito para a cesión da parcela para a construción da Galescola de Valadares.

Tras analizar a normativa vixente, a Sala afirma que “se trata de competencias atribuídas como propias aos entes locais pola lexislación autonómica”, así como que a determinación polas leis sectoriais da competencia das entidades locais “non constitúe unha competencia para prestar pola Xunta, senón que esta, ostentando a súa titularidade, ten a facultade de atribuíla aos entes locais, sen prexuízo de articular fórmulas de colaboración que garantan a sustentabilidade financeira dos entes locais e, en aras á eficiencia e eficacia, evitar a duplicidade en ámbitos coincidentes”.

“Trátase dun servizo de carácter local cuxa xestión foi asumida polo citado Consorcio, ao amparo do artigo 6 dos seus estatutos, sendo a vontade do Concello demandante que a xestión se realizase a través do Consorcio, ao que se incorporou voluntariamente”, aseguran os xuíces no fallo, no que destacan que, “do mesmo xeito voluntario”, o Concello “decidiu que fose o Consorcio quen xestionase as súas escolas infantís, articulándose tal colaboración mediante a subscrición dos correspondentes convenios de colaboración para a súa xestión, no caso da Escola Infantil da Rúa de Palencia, e para a construción, no da de Valadares”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS