A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Seguridade, Francisco Represas, mantiveron a pasada semana unha reunión con todo o persoal do departamento da Policía Local, que na actualidade está conformado por 15 policías locais, unha policía local en prácticas, un oficial e unha praza de persoal administrativo.
Durante o encontro, a rexedora debullou ante o equipo as principais liñas de
actuación que se manterán durante os vindeiros catro anos en relación coa
seguridade cidadá en Ponteareas e recolleu as demandas trasladadas polas e polos
axentes co obxectivo de seguir mellorando este servizo imprescindible para a vila.
Nava Castro amosou o seu compromiso coa modernización tecnolóxica e a mellora
das dependencias empregadas pola Policía Local e trasladou ao cadro de persoal
que se iniciarán de forma inmediata as xestións para acadar melloras para levar a
cabo o seu adestramento físico nas instalacións deportivas da vila.
A alcaldesa resaltou a importancia de contar cun corpo de Policía Local eficiente e
preparado e a necesidade de dotar ao departamento dos recursos necesarios para
que poidan seguir velando pola seguridade e benestar de veciños e veciñas de
forma óptima. “Queremos brindar ás e aos ponteareáns unha contorna segura na
que poidan desenvolver a súa vida cotiá con tranquilidade e para iso é fundamentar
contar cunha Policía Local que dispoña de todas as ferramentas e o apoio
necesarios”, recalcou Nava Castro.