A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou esta tarde na presentación do novo monopraza UM23 de Uvigo Motorsport, salientando que iniciativas coma esta reflicten a aposta de Galicia pola innovación e o talento, sendo así mesmo un símbolo da excelencia educativa da Comunidade.
O equipo de UVigo Motorsport, baixo a tutela da Escola de enxeñería industrial da
Universidade de Vigo, é un proxecto docente e sen ánimo de lucro que persegue a
aprendizaxe en diversas áreas da enxeñería mediante o deseño e fabricación de
monoprazas tipo Fórmula e a competición con outras universidades europeas.
UVigo Motorsport é o único equipo galego de Fórmula Student, unha competición
automobilística estudantil onde un cento de universidades de todo o mundo compiten en
circuítos profesionais por ser a mellor escuadra. A iniciativa conta coa colaboración do
Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), facendo posible o acceso aos recursos
tecnolóxicos desta entidade.