O Concello de Nigrán presentará as súas dúas primeiras especies para que se incorporen ao catálogo de Arbores senlleiras de Galicia creado pola Xunta no 2007 co obxectivo de outorgarlles a máxima protección.
En concreto, Nigrán pedirá protección para a coñecida como ‘arbore botella’, localizada a carón da entrada da antiga fábrica de champán, e para o castiñeiro situado no recinto da igrexa de San Pedro; ambas situadas no percorrido do Camiño Portugués pola Costa, con máis dun século de vida, unha foránea e a outra icónica de Galicia, e a 400 metros unha da outra. Actualmente, no Val Miñor só figuran neste catálogo os cipreses do pazo de Gondomar.
«Son dúas árbores espectaculares polo seu gran porte e a súa ubicación, cunha historia intrínseca, e queremos protexelas e poñelas en valor para garantir a súa supervivencia independientemente de futuras actuacións que puidesen realizarse na contorna», incide o alcalde, Juan González, quen destaca que ao estar situadas na ruta do Camiño «constitúen un elemento máis de interese».
A súa catalogación permitiría incoporalas ao patrimonio natural de Nigrán e darlles unha especial protección que recoñece o seu valor científico, cultural, etnográfico e histórico, é dicir, protexeríanse a nivel biolóxico e antropolóxico.
A árbore botella é unha especie exótica natural do este de Australia. Non é habitual atopala en Galicia, polo que, posiblemente, fora traída por migrantes fai 120 anos.
A escasos 400 metros, custodiando unha das entradas ao camposanto de San Pedro, está o castiñeiro, cun diámetro de 158 cm (28 cm por riba do perímetro normal) e 35 metros de altura. O enxeñeiro forestal municipal certifica, “sendo moi precavido”, que supera os 110 anos.