sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsAta 15.000€ para comprar vivendas en centros históricos

Ata 15.000€ para comprar vivendas en centros históricos

- Ángeles Vázquez salienta que estas axudas teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda

A Xunta convoca axudas de ata 15.000 euros para comprar vivendas en centros históricos, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.


Durante unha visita ao centro histórico de Ribadeo, na que estivo acompañada polo
delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde da localidade, Daniel
Vega, a vicepresidenta segunda incidiu en que se trata do “quinto ano consecutivo” no
que, ao abeiro do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, se convocan estas
axudas, que teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído
ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda.


A maiores, Ángeles Vázquez subliñou que esta iniciativa busca contribuír á revitalización
dos centros históricos converténdoos en lugares atractivos para vivir e favorecendo a súa
dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa
poboación. De feito, segundo dixo a conselleira, en convocatorias anteriores máis da
metade dos beneficiarios tiñan menos de 35 anos.


Máis polo miúdo, e segundo recolle a convocatoria que publica hoxe o Diario Oficial de
Galicia , o prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá, martes, 4 de
xullo, ata o vindeiro 2 de outubro de 2023.


Logo de salientar que esta liña de financiamento conta cun orzamento inicial de 500.000
euros, a conselleira explicou que as axudas son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero
a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de
35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das 7 Áreas
Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui,
Ribadeo, Ferrol e Betanzos-.

Para optar a esta axuda, ademais de que a vivenda estea situada nun centro histórico, o
solicitante tamén deberá cumprir outros requisitos. Así, debe ser español ou ter residencia
legal en España; debe ter subscrito -con posterioridade ao 15 de novembro de 2022- un
contrato privado ou unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída –
nova, usada ou pendente de rehabilitación-, e os ingresos anuais das persoas que
compoñen a unidade de convivencia deben ser iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem
(54.600 euros).


Para concluír, a vicepresidenta segunda informou tamén que hoxe se licitan dous contratos
para a redacción do proxecto e dirección de obra de 146 vivendas de promoción pública no
barrio de Garabolos, no concello de Lugo, por un importe total de preto de 1,2 millóns de
euros

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS