lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsO PaísMáis de 3000 rapaces comezan o reto de falar en galego

Máis de 3000 rapaces comezan o reto de falar en galego

Trátase da terceira edición do programa de dinamización lingüística «21 Días co Galego e +» posta en marcha pola Xunta de Galicia e que conta coa participación dun total de 3738 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) de dez centros de ensino

Os obxectivos son que a xente nova fale máis galego e perfeccione o seu uso tanto dentro como fóra das aulas. Entre as novidades, e na súa aposta por medrar dinamizando, o programa esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desta etapa. Ademais de incluír alumnado desde os 8 anos neste centro de Lugo, súmanse tamén á iniciativa os IES coruñeses As Mariñas (Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); o Perdouro (Burela); os ourensáns Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas (Cambados), Sánchez Cantón e Santa Irene (Vigo).

Ademais, incorpora tres importantes colaboracións externas: a do programa Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que abordaron e como está a ser a súa participación; a do programa #DígochoEu! da TVG, con encontros entre o equipo audiovisual e os dez centros educativos participantes e tamén coa realización de vídeos propios do formato deste espazo de grande éxito entre a mocidade; e a do Foro Peinador, que achegará o eido da empresa en galego aos centros educativos para poñer en valor a importancia do mundo laboral no desenvolvemento cultural da sociedade. Todo isto poderase seguir desde o blog 21 Días co Galego e + e tamén desde o Portal da Lingua Galega.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS