O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova edición do programa ‘ActivaTea’, un campamento dirixido a mozas e mozos de 13 a 17 anos no que poderán gozar dun amplo programa de actividades educativas e de lecer durante os meses de xullo e agosto. As actividades desenvolveranse ao aire libre todos os luns, mércores e venres de 10.00 a 14.00 horas.
Trátase dun programa de actividades pensado para unha franxa de idade que require unha maior oferta lúdica e formativa e para a que habitualmente non hai tantas opcións dispoñibles. A través do ‘ActivaTea’, rapazas e rapazas poderán gozar dos espazos de lecer, convivencia e socialización saudables, ao tempo que se fomenta a autonomía e a interacción e o traballo en equipo e se poñen en valor os recursos de interese da vila, promovendo a sensibilización ambiental e o servizo comunitario.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa enviando un correo electrónico a voluntariado@ponteareas.gal. O campamento terá un prezo de 25 euros por participante.