Galicia logrou reducir un 34% as súas emisións brutas de gases de efecto invernadoiro (GEI) en 2021 con respecto aos datos de 1990, ano que se toma como referencia a nivel internacional á hora de abordar e harmonizar as políticas climáticas.
As últimas cifras oficiais facilitadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico indican que Galicia segue mantendo as súas emisións por debaixo dos niveis de hai 3 décadas e mesmo mellora a súa posición a nivel nacional, situándose en 2021 como a segunda comunidade cunha mellor evolución —en 2020 era a terceira— e moi preto da primeira, Castela e León, cunha redución do 34,7% neste mesmo período.
De feito e en comparación co resto do país, as emisións GEI en Galicia melloran en 34 puntos porcentuais o dato total no conxunto de España.
Así mesmo e tomando como referencia a absorción de CO 2 debido aos cambios de uso do solo e á silvicultura, a comunidade lidera a clasificación nacional en 2021. Concretamente, foi o territorio que máis dióxido de carbono captou ese ano e tamén o que máis incrementou a súa capacidade de absorción en termos absolutos: un 85% en comparación
co ano 1990.
Ademais, este balance confirma que a Comunidade avanza en liña cos obxectivos intermedios marcados pola UE neste eido e que segundo a última revisión acordada se fixan como meta reducir nun 57% as emisións contaminantes de aquí ao ano 2030.
Neste sentido, Galicia parte dunha boa posición para acadar o antes posible e, como moi tarde, no ano 2050 o reto da neutralidade climática —é dicir, compensar as emisións que se realicen no territorio coa capacidade de absorción natural de CO 2 —, un compromiso político da Xunta que a futura Lei do clima galega elevará a obriga legal.