O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, na súa intervención no almorzo informativo que organiza Executive Forum España, que a Consellería de Sanidade ten por obxectivo “unha Galicia mellor, cos mellores profesionais, con máis especialistas, as mellores infraestruturas, a mellor tecnoloxía e os mellores tratamentos”, e todo iso, ademais, co máximo respecto e coidado ao medioambiente, tal e como se recolle na Estratexia de Economía Circular do Sergas, que este mes foi aprobada polo Consello da Xunta.
No que atinxe á medicina e ás prestacións sanitarias, o conselleiro destacou que hai
apenas dúas semanas, administrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro un tratamento contra a
Astrofia Muscular Espinal a un bebé de tan só tres semanas. Este tratamento “puidémosllo
administrar tan pronto porque, grazas ao cribado, detectamos a alteración dun xen que
levaría a este bebé a desenvolver en pouco tempo esta enfermidade”. Ao respecto, o
titular da carteira sanitaria gabou o traballo exquisito dos profesionais de pediatría e
farmacia do hospital vigués.