Dez menores ucraínos, nenas e nenos de entre 9 e 11 anos, participarán desde este
vindeiro sábado, 1 de xullo, e ata o día 31 no primeiro dos dous campamentos de verán,
un en xullo e outro en agosto, que a Deputación de Pontevedra pon en marcha ao abeiro
da iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína,
encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación
Española de Municipios e Provincias (FEMP). Os campamentos teñen o obxectivo de
apoiar ás nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra.
Estas sete rapazas e tres rapaces, que proveñen da cidade de Pervomaiske (con máis de
60.000 habitantes), moi próxima á zona de conflito e que xa se veu afectada pola crise do
2015, estarán durante o vindeiro mes nunha contorna segura na que descansar, compartir
momentos de ocio e adquirir novos coñecementos. O grupo, que vén acompañado dun
adulto experto en traballo social, residirá nun espazo dentro do Centro Príncipe Felipe
preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional. Contarán con
servizo médico, atención psicolóxica e un servizo de tradución e prevese que neste mes
de estancia poidan coñecer a cultura e o territorio da provincia de Pontevedra.