O comité clínico que asesora a Xunta na criseda COVID-19 avalía hoxe a situación dos 313 concellos e decidirá que restricións se levantan. Probablemente permitirá a apertura parcial de parte da hostalería. Non está tan claro que reabra os concellos ou que acepte reunións de non conviventes aínda.
A pesar de que a evolución das cifras desta terceira vaga da pandemia é boa nas últimas xornadas, non é igual de boa en todos os puntos de Galicia. Por iso o comité de expertos decidirá hoxe onde e como comeza a desescalada. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deixou entrever unha probable apertura da hostalería, aínda que con límites horarios e de ocupación.
«Imos pouco a pouco e cando consolidemos estas cifras, que aínda teñen que ser moito mellores, iremos ampliando a apertura, ámbitos xeográficos, ocupación, todo iso e pouco a pouco. Creo que niso está todo o mundo de acordo, incluídos os propios hostaleiros» explicou Rueda.
Peches perimetrais máis amplos cos de concello a concello e posibles reunións de non conviventes tamén están no punto de mira pero, Rueda non asegurou que se vaia aplicar xa ou máis adiante. «Imos ver se iso se amplía ou se esta vez non, ao mellor un pouquiño máis adiante, pero loxicamente será un dos obxectivos, que todo isto se vaia relaxando» sinalou o vivepresidente da Xunta.
Os sectores máis afectados polos peches sanitarios comezarán a cobrar as axudas do segundo plan de rescate da Xunta en marzo e volveu facer un chamamento a concellos e deputacións para que se sumen.
Rueda reclámalle ao Goberno central axudas directas para os sectores máis perxudicados da pandemia.