lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta e o Ministerio de Transportes tratarán as peaxes da AP-9...

A Xunta e o Ministerio de Transportes tratarán as peaxes da AP-9 na comisión conxunta

A Xunta trasladoulle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a súa proposta de bonificacións da AP-9 para abordala na comisión conxunta.

O obxectivo, segundo dixo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha conferencia de prensa é «garantir que desta vez gañen os galegos e non a concesionaria». Salientou Vázquez que «cómpre paliar o agravio que sofren os galegos coas peaxes da AP-9». Para isto, a Xunta remitiulle xa ao Ministerio esta proposta urxindo a convocatoria da comisión conxunta para abordar esta infraestrutura que vertebra o territorio onde reside máis do 60% dos galegos e comunica cinco das sete principais cidades da Comunidade.

Detallou que o obxectivo desta formulación da Administración autonómica é obter a maior “rendibilidade social” na aplicación das bonificacións da AP-9 por importe de 50 M€, previstas nos Orzamentos do Estado para 2021 e que ata o momento é un anuncio sen concretar polo Goberno central. A Xunta basea a proposta na atención prioritaria aos usuarios recorrentes, coa bonificación do 100% da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen a telepeaxe e que realicen a volta nun intervalo de 24 horas desde a ida calquera día da semana, ou ben un mínimo de dúas viaxes de ida e volta na mesma semana.

O Goberno galego tamén propón un desconto adicional do 25% na viaxe de ida para os vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe e que volvan nun intervalo de 24 horas, agás en domingos e festivos. Neste sentido, Ethel Vázquez detallou que estas bonificacións que priman aos usuarios habituais suman un importe de 24,92 M€, case a metade deses 50 M€ previstos polo Goberno central.

A proposta da Xunta tamén recolle bonificacións do 60% en todas as viaxes para o caso das familias numerosas. Esta mesma porcentaxe de bonificación, do 60%, será a que se aplique para todas as categorías de vehículos pesados, así como para os vehículos eficientes enerxeticamente, con distintivo ambiental. Ademais, atendendo a razóns de competitividade do sector do transporte e de seguridade viaria, o Goberno galego suxire o desconto do 50% nas viaxes de ida e volta en horario nocturno, entre as 23 horas e as 6 da mañá.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que son bonificacións útiles para os galegos que permitirían, por exemplo, a un traballador que realiza todos os días unha viaxe de ida e volta entre A Coruña e Santiago no seu coche con telepeaxe, un aforro de máis de 1.800 euros ao ano.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS