O Concello de Tomiño participa no proxecto ‘Da túa man’, unha iniciativa a través da que se poñen en marcha diversas medidas de apoio ao comercio local, entre eles tres accións formativas de balde destinadas a comerciantes do municipio coas que dotar de novas ferramentas que axuden a xerar unha maior competitividade do tecido empresarial tomiñés.
Dende esta semana ata o vindeiro 26 de xullo, as persoas interesadas
poderán participar nun curso en liña de 25 horas sobre competencias dixitais
cos que iniciar ás e aos comerciantes na transformación dixital do seu negocio,
mellorando as habilidades de xestión interna e aprendendo a usar ferramentas
dixitais para traballar mellor.
O vindeiro 12 de xullo será a quenda da actividade formativa sobre
habilidades dixitais para persoas consumidoras vulnerables, un curso
dirixido a consumidores e consumidoras maiores de 45 anos co que acadar as
competencias dixitais necesarias para utilizar con facilidade ferramentas
básicas no emprego de internet e do comercio electrónico. A actividade
impartirase de forma presencial de 11.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do
Regatiño de Goián.
Xa o xoves 13 de xullo comerciantes e persoas consumidoras en xeral
poderán participar no curso de deseño de novas embalaxes sostibles, unha
formación teórica e práctica na que aprender a crear unha embalaxe creativa e
innovadora, cunha estética coidada e materiais reciclables e reutilizables. Será
unha hora de formación teórica e dúas prácticas de 10.00 a 13.00 horas na
Escola Obradoiro do Regatiño, en Goián.
O proxecto ‘Da túa man’ está coordinado pola Deputación de Pontevedra, que
achega un 15% do orzamento da iniciativa, financiada ao 70% polo Ministerio
de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación,
Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation da Unión
Europea. O Concello de Tomiño achega o outro 15% do orzamento total.