Sen lixo nas praias, sen ocupar as dunas, sen residuos ciscados polo chan ao amencer; en definitiva sen «pegada» humana chegado o sábado, 24 de xuño. Así debe ser o San Xoán en Galicia na noite deste venres.
A Xunta de Galicia aposta por celebrar a noite de San Xoán, o vindeiro venres, 23 de xuño, de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente, segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
A Xunta fai un chamamento para manter as praias limpas de residuos e tamén para ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais, tal e como subliñou a vicepresidenta durante unha visita á praia de Cabeceira, no Concello de Poio, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e do delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno de Llano.
Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou pautas de comportamento claves para que esta celebración non deixe “pegada” no medio ambiente. Así, reiterou a importancia de recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento.
Ademais, recomendou usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel en vez dos sobrenvasados. Segundo insistiu a conselleira, “unha simple bolsa de plástico tarda 400 anos en degradarse”.
A maiores, Ángeles Vázquez avogou por reducir o desperdicio alimentario. Tal e como se inclúe no decálogo de boas prácticas presentado por Ecoembes con motivo desta xornada festiva, é recomendable facer un bo cálculo dos asistentes para evitar comprar máis comida e bebidas do necesario e optar por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte.