Galicia afástase por fin dos picos da pandemia, tanto en ingresos en UCI (agora ten 169 persoas) como en casos activos (agora con 10.040 positivos). Os descensos continúan como tamén as medidas máis restritivas, salvo pequenas excepcións no comercio, a cultura, a formación e o deporte.
Os casos activos en Galicia de COVID-19 sitúanse en 10.040 grazas ao descenso constante experimentado nos últimos días, son 868 infectadis menos ca onte. É o balance logo de 353 novos positivos detectados onte, 325 a través de PCR. Son menos casos que no pico da segunda vaga da pandemia (10.368).
As UCI de Galicia rexistran xa menos ocupación que no pico da primeira onda.
Tres áreas sanitarias xa están por debaixo do milleiro de contaxios (Ourense, Ferrol e Lugo):
A Coruña: 3.262 (-206)
Vigo: 1.452 (-169)
Pontevedra: 1.398 (-49)
Santiago: 1.150 (-201)
Lugo: 942 (-78)
Ferrol: 933 (-73)
Ourense: 843 (-92)
Nos hospitais galegos hai 813 persoas ingresadas (-50): 644 en planta (-39) e 169 nas UCI (-11). O pico da primeira vaga na UCI fora de 178.
En canto ás mortes, o Sergas notifica o falecemento de sete persoas máis por mor da covid-19, o que eleva o número de vítimas en Galicia no que vai de pandemia a 2.154.
A taxa de positividade está no 4,46 %.