En máis de 200 concellos galegos sábese quen será a partir de este sábado o seu novo (ou non) alcalde ou alcaldesa, sen dúbida algunha, por teren maioría absoluta.
Nuns 100 concellos serán os pactos entre partidos os que farán posible un goberno e decidirán o rexedor ou rexedora. En cambio nalgúns deles haberá que agardar ata o propio pleno de investidura para sabelo, porque non houbo acordo.
Tamén hai unha ducia de concellos nos que as investiduras non serán este sábado por distintos motivos; desde o caso de Castro Caldelas que debe repetir eleccións, ata outros nos que houbo recursos a xunta electoral e demorarán o pleno de constitución das novas corporacións.
Haberá algunha sorpresa, seguro. Onde xa a houbo foi en Ribeira, que terá un alcalde de 32 anos do BNG. Un tripartito fai alcalde a Luís Pérez Barral, sacando ao PP do Concello despois de 30 anos.
Nas grandes cidades non se agardan sorpresas, salvo, claro a interesantísima situación de Ourense. Repetirá Jácome ou finalmente as outras forzas entenderanse para frear a súa renovación?
Na Coruña, Inés Rey manterá o bastón de mando, en minoría de novo. En Lugo, Lara Méndez reeditará a coalición co BNG. En Santiago Goretti Sanmartín gobernará con Compostela Aberta, pero sen tripartito co PSOE.
En Pontevedra Fernández Lores, renovará alcaldía pero cómo será o seu goberno está por ver. Vigo e Ferrol son as dúas únicas maiorías absolutas. O socialista, Abel Caballero, coa súa maioría aplastante na cidade olívia e Xosé Manuel Rey estréase en Ferrol.