Recuperan neste semestre a meirande parte dos espectáculos adiados. A previsión é ofrecer ata o mes de xuño máis de 300 funcións escénicas e musicais
Esta cifra será posible grazas á reprogramación durante os próximos meses de máis do 90% das 50 citas que tiveron que ser suspendidas por mor das restriccións sanitarias no seo do circuíto que promove a Xunta de Galicia en colaboración con 40 entidades locais de toda Galicia. O 10% pendente trasladarase á programación do segundo semestre.
Estrea de espectáculos
Esta carteleira tradúcese na contratación de 110 formacións artísticas dedicadas de xeito profesional aos ámbitos do teatro, danza, música, novo circo e maxia. A Rede Galega de Teatros e Auditorios será, ademais, o escenario para a estrea absoluta de varios espectáculos galegos, como é o caso de dous cos que se reactiva a actividade esta fin de semana. Dunha banda, Soga e cinsa, unha montaxe de Aporía Escénica sobre a caza de bruxas que contou para a súa produción cunha subvención autonómica á creación escénica e que poderá verse hoxe e mañá ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vigo. E doutra, Pura, unha homenaxe de Náufragos Teatro á terceira idade e aos seus recordos, que se exhibirá por vez primeira ao público no Teatro Rosalía Castro da Coruña mañá, ás 20,30 h.
Fin de semana de teatro
Esta fin de semana haberá tamén representacións en Arteixo con O premio, de La Quintana Teatro, que poderá verse hoxe no Auditorio do Centro Cívico Cultural, así como mañá no Teatro Pastor Díaz de Viveiro; en Santiago de Compostela con A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, hoxe e mañá; en Cedeira con Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos, mañá no Auditorio Municipal, e en Lugo con Show de Barallocas, que Teatro Marionetas Trécola escenificará o domingo no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Outras estreas
Ademais das devanditas estreas de Aporía Escénica e Náufragos Teatro, outras compañías galegas traballan xa nos en novos espectáculos que terán as súas primeiras representacións públicas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Entre elas, por exemplo, Anómico Teatro con Anxos abandonados en mosaicos despois do combate (26 de febreiro no Auditorio Municipal de Vigo), Producións Teatráis Excéntricas con Strela do día (27 de febreiro no Teatro Rosalía da Coruña), Os Monicreques de Kukas con Don Gaiferos (5 de marzo no Teatro Principal de Santiago) e Pistacatro con Drop (19 de marzo, tamén no Principal compostelán), entre outras.