O Garda Civil que asasinou a súa exparella no Camping de Oia o pasado sábado non chegou a ter un xuízo rápido por «falla de documentación» tras a denuncia da agora falecida Ana Vanessa, de 44 anos, por dous episodios de violencia machista. Unicamente se decretou contra el orde de afastamento de 300 metros e o caso foi considerado de risco medio. Desde abril ata o día do seu asasinato, os axentes realizaran ata 56 intervecións para seguir o caso, pero non foi suficiente para evitar a súa morte.
No xulgado tudense incoáronse dilixencias e requiriuse á muller para que achegase o parte de lesións que faltaba, documentación que foi achegada o 23 de maio pasado, e remitida ao día seguinte ao Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Por outra banda, explicaron fontes xudiciais, a letrada de Ana Vanesa solicitoulle ao xulgado de Tui o 23 de maio que a muller puidese acceder ao domicilio do investigado para poder recoller as súas cousas. O xuíz acordouno ao día seguinte, indicado que iría auxiliada por axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado «para garantir a súa seguridade».
Silencio no seu recordo
Este luns, os veciños da Guarda, onde Vanessa vivira, precisamente co que foi o seu asasino, gardaron un minuto de silencio na súa memoria.
A concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, dixo durante o acto que «o seu asasino empeñouse en tomar importantes decisións por ela, non viaxaría máis, non sorriría máis… Tivo o gran poder de decidir que non viviría máis. Rouboulle a súa segunda oportunidade, rouboulle a vida».
Ao rematar a concentración, os aplausos romperon o silencio, entre os rostros emocionados dos que se achegaron ata a praza do Concello.
Tamén a Xunta de Galicia, o Parlamento e a Delegación do Goberno, amais doutras moitas institucións ao longo do país gardaron un minuto de silencio en repulsa deste asasinato machista.
Xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante o edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, estivo o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; e varios conselleiros entre os que estaba a responsable de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Minuto de silencio ante a sede da Xunta
Tras o acto, Lorenzana expresou «o máis firme rexeitamento» da Xunta por este novo crime e manifestou que é «intolerable» calquera tipo de violencia machista, á parte de trasladar o agarimo e apoio á familia e achegados da vítima.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este luns como crime machista este asasinato, o que eleva a 21 o número de mulleres asasinadas en España este ano a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia.
Son xa 1.205 as vítimas mortais da violencia machista desde que comezaron os rexistros en 2003.