O Grupo Parlamentario Socialista presenta unha proposición non de lei para tratar o acceso sur ao porto da Guarda no Parlamento de Galicia.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu hoxe á deputada do PSOE Leticia Gallego para anunciar a presentación da iniciativa parlamentaria que vai defender a construción dun novo acceso sur ao porto de A Guarda, “unha infraestrutura fundamental para o futuro da vila”, segundo Lomba.
A rúa Concepción Arenal foi construída como principal acceso ao porto a mediados do século XX, pero o crecemento urbanístico arredor desta rúa converteu o acceso nunha vía urbana. Así, por recomendación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de A Guarda, o alcalde solicitou a redacción do proxecto de construción dun novo acceso ao porto á Deputación de Pontevedra en 2017. Este foi redactado en 2018, momento no que se inicia a súa tramitación para obter os informes sectoriais necesarios para a súa execución.
Desde entón, Lomba ten mantido distintas reunións con responsables da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Consellería de Pesca e de Portos de Galicia para pedir apoio e financiamento para esta infraestrutura, buscando conseguir un compromiso firme dos responsables da Xunta de Galicia.