Ao redor de dez mil adolescentes son fumadores diarios en Galicia. Os datos proceden do Ministerio de Facenda que demostran o ascenso das vendas de paquetes. No último ano o consumo de cigarros repuntou en Galicia, aínda que de forma máis moderada que no conxunto do Estado, despois dunha década en progresivo declive.
Galicia pon en marcha un programa antitabaquismo de 2 millóns de euros para reducir do 16 ao 15 % a porcentaxe de fumadores diarios adultos, e dun 9 a un 5 % o de adolescentes. O plan Inspira Saúde 2023-2027 tamén establecerá o 31 de outubro como o día galego sen tabaco.
Esta iniciativa busca reducir o índice de tabaquismo entre a poboación galega, xa que unha de cada cinco persoas maior de 16 anos é fumadora habitual e un de cada seis fuma a diario varios cigarros polo que hai que reducir estas cifras para «impedir patoloxías e mellorar a calidade de vida».
A medida busca ampliar os espazos libres de fume a prazas públicas, campos de fútbol, piscinas descubertas e campus universitarios, así como crear unha rede de apoio, a través da plataforma telemática Telea do Sergas, para a xente que está a tentar deixar de fumar.