O DJ e produtor francés David Guetta será o encargado de pechar o domingo, 20 de agosto, os concertos de verán no Auditorio de Castrelos, en Vigo, cun espectáculo de catro horas.
Esta sorpresa tíñaa reservada o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen manifestou que este concerto “supoñerá o mellor peche dos concertos de Castrelos que houbo nunca na historia”.
David Guetta viaxará a Vigo con dous invitados, que actuarán unha hora cada un, reservándose el as dúas horas seguintes, segundo explicou o rexedor, quen dixo que esa é a forma de proceder do artista.
Caballero cualificou a David Guetta como “o mellor DJ do mundo” e “de gran noticia” a súa presenza en Vigo.
David Guetta está considerado o principal baluarte da música electrónica, é un dos impulsores do house e leva ofrecendo sesións desde os anos 80 do século pasado.
Axenda de concertos de Castrelos: Andrés Calamaro (8 de xullo), David Bisbal (15 de xullo), Pablo López (14 de xullo), Alejandro Sanz (27 de xullo), Coral Casabranca (29 de xullo), Beret (5 de agosto); Bad Gyal (10 de agosto), Ana Mena (15 de agosto), e David Guetta (20 de agosto).