Isabel Blanco, Camila Bossa, Sonia Castelo, María Louro e Ana Santos falan nun dos coloquios de AISGE sobre o papel da muller no audiovisual
A xornada do xoves en Cans trouxo un dos momentos máis emotivos do festival co reencontro das actrices que hai 25 anos foron protagonistas dunha das series históricas do audiovisual galego, “Mareas Vivas”. Isabel Blanco, Camila Bossa, Sonia Castelo, María Louro e Ana Santos volveron a xuntarse e falaron sobre as súas vivencias de hai más de dúas décadas e sobre o papel da muller no cinema e o audiovisual galego na actualidade.
O coloquio organizado pola Fundación AISGE no que participaron as actrices de “Mareas Vivas” serviu non só de reencontro dun grupo de vellas compañeiras senón tamén foi unha oportunidade para reivindicar o papel das mulleres no audiovisual galego e sinalar que algunhas barreiras seguen sen ser superadas. Camila Bossa sinalou “que as mulleres, a partir de certa idade, seguen a contar con menos oportunidade de traballo ca os homes aínda que a idade ás mulleres séntanos moi ben e eu, particularmente, agardo seguir facendo películas ata os 80 anos”.
Pola súa banda, a actriz e agora tamén directora teatral Sonia Castelo indicou que as mulleres son capaces de traballar en terreos moi diversos do audiovisual , aparte da actuación, e puxo como exemplo a obra que actualmente dirixe na que traballan unha maioría de mulleres. Isabel Blanco coincidiu con Bossa na escaseza de papeis para mulleres no audiovisual actualmente e Ana Santos apuntou que hai moitas persoas neste sector que pensan que as mulleres teñen que comportarse dun xeito determinado cando a realidade e que, como os homes, poden desenvolver roles moi diversos. Durante o coloquio puido verse tamén a intervención con mensaxes gravadas dalgunha outra protagonista da serie, como Mela Casal, Patricia Hernández ou Isabel Naveira. Esta última fixo público o seu agradecemento ás mulleres que escriben ou que dirixen dentro do sector. Isabel Blanco apuntou as dificultades que teñen as mulleres para arrancar iniciativas no audiovisual “e máis tendo en conta que os homes fan lobby e nós non».