A primeira edición da obra «A cámara escura», de José Luis Baños, foi presentada na Vila do Louro.
A obra gañadora da III edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, impresa pola Editorial Galaxia, presentouse no Concello do Porriño.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como anfitrioa do acto xunto co autor, José Luis Baños, e acompañada por Francisco Castro, director xeral da editorial e Raquel Castro, secretaria do xurado permanente do certame.
Palabras de Lourdes Moure:
O premio está instituído pola Editorial Galaxia e o Instituto Ribeira do Louro do Porriño e o Concello do Porriño é o patrocinador cunha achega anual de 2.000 euros.
José Luis Baños, o autor galardoado en 2020, reivindicou «a importancia deste premio por promover a escrita teatral para adolescentes, que vén cubrir un oco que existe entre o teatro familiar e que xa se centra nos adultos».
Palabras de José Luis Baños:
A profesora Raquel Castro, secretaria do xurado, valorou que o texto de José Luis Baños «presente un rexistro de linguaxe urbana próximo á mocidade». Engadiu que «esperamos que poida representarse en escena, unha vez que saiamos das restricións actuais».
Palabras de Raquel Castro:
Francisco Castro, director xeral da «Editorial Galaxia», agradeceu o compromiso de gobernos municipais como o Concello do Porriño no apoio á cultura. «Necesitamos políticos que, como sucede aquí no Porriño, con vostede Lourdes, sexan cómplices da cultura». Francisco Castro lamentou que «mentres os estancos están abertos desde o primeiro día do estado de alarma, como servizo esencial, as librarías teñen que pechar», segundo reclamou o director da editorial.
Palabras de Francisco Castro:
Por último, Lourdes Moure, afirmou que «mentres eu estea a cargo destas responsabilidades públicas como concelleira de Educación, o Concello do Porriño manterá o seu apoio a este premio». «Dende o primeiro momento tiven claro que o noso deber como administración pública era estar ao lado dunha iniciativa tan lúcida e á vez tan centrada na nosa mocidade», concluíu Moure Varela.