Os Concellos de Nigrán e Valdoviño, cunha arraigada cultura surfeira, inician os trámites para formalizar o seu irmandamento.
O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno ordinario do 22 de febreiro os trámites de irmandamento co coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70.
Ambos rexedores, Juan González, de Nigrán, e Alberto González, de Valdoviño, abordaran xa esta cuestión na presentación do Oceano Surf Museo de Valdoviño na praia de Patos no 2018 e, posteriormente, o alcalde de Nigrán desprazárase ata alí.
Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e conta xa co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. Ademais, o municipio traballa paralelamente co irmandamento de Castinheira de Pera, en Portugal, localidade do centro luso que tamén sufriu duramente a vaga de lumes de 2017.
“Os dous concellos desexamos fomentar a cultura surfista común e promover os valores que conleva. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e unha fórmula excelente para manter e formalizar ese vínculo que xa nos une dende os anos 70”, reflexiona o rexedor nigránés, quen confirmou co seu homólogo a intención de que eles leven a cuestión ao pleno de marzo.