Non descenden á velocidade desexada pero as hospitalizacións por COVID-19 seguen a baixar diariamente. Setenta persoas menos ingresadas e seis delas saen da UCI.
Galicia ten nos seus hospitais 1.145 persoas ingresadas por COVID-19. Delas 911 están en planta e 234 en UCI. Son 64 as que abandonaron as camas convencionais da zona COVID e son 6 as que saen das unidades de coidados intensivos.
Igualmente continúan a descender os casos activos en Galicia en todas as áreas sanitairas. Arestora hai 16.643 persoas con covid-19 no país, 989 menos ca onte, tras detectárense 677 novos positivos, 617 confirmados a través de probas PCR.
Por áreas sanitarias:
A Coruña: 4.673 (-179)
Vigo: 2.758 (-166)
Santiago: 2.359 (-183)
Pontevedra: 2.141 (-78)
Ourense: 1.699 (-187)
Lugo: 1.514 (-127)
Ferrol: 1.499 (-69)
Os falecementos continúan a ser moitos. Na última xornada Sanidade notificou a morte de 23 persoas; 2 de las nos seus domicilios, 2 en residencias de maiores e os demais en hospitais. Son un total de 2.039 vítimas mortais no que vai de pandemia.
A positividade das PCR, por debaixo 5 %
O Sergas rexistrou 13.747 probas PCR (+1.161), das cales deron positivo 617, 37 menos ca onte. Isto mantén a taxa de positividade á baixa: 4,49 %.