Mediante diversos contidos audiovisuais, Ponteareas lembra durante estes días a tradición do entroido da vila do Tea ao longo das últimas décadas.
Con fotografías e vídeos nas redes socias, o municipio recorda a actividade festiva propia de Ponteareas nestas datas, que «axuda a recuperar a memoria histórica», segundo apuntan dende o concello.
Tamén a través de imaxes, a exposición “O Entroido ponteareán no tempo” levará aos escaparates comerciais o colorido, a espontaneidade, os detalles, a alegría e a tradición desta celebración tan arraigada en Ponteareas e que este ano non se pode desenvolver como de costume pola situación sanitaria.
O Concello agradece a colaboración de todas as comparsas, asociacións veciñais, culturais e persoas individuais, que están aportando fotografías da celebración do Entroido nas últimas décadas, para contribuír así á recuperación da memoria histórica e á afirmación de que Ponteareas é unha vila con tradición de Entroido. Así mesmo, varios comercios da localidade adobían os seus escaparates con vestimentas portadas nos últimos anos polas comparsas e cedidos polas mesmas.