O goberno de Colombia anunciou este luns a creación dun Estatuto Temporal de Protección para Migrantes Venezolanos que, segundo os cálculos das autoridades, podería chegar a beneficiar a máis de dous millóns de persoas.
O anuncio produciuse, segundo información da BBC, no marco dunha reunión do presidente colombiano, Iván Duque, co Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, Filippo Grandi.
Duque afirmou que o plan ofrece «unha folla de ruta cara a regularización» aos cerca dun millón de venezolanos que viven de xeito irregular en Colombia e permitirá mellorar as políticas públicas colombianas.
Segundo un comunicado difundido por Migración Colombia, o plan tería unha vixencia de 10 anos e permitiría, basicamente, «o tránsito dos migrantes venezolanos que se atopan no país dun rexime de protección temporal a un rexime migratorio ordinario».
«Os migrantes venezolanos que se acollan a este beneficio poderían estar de xeito regular en Colombia por un período de 10 anos, tempo tralo cal deberán adquirir un visado de residente se desexan permanecer no país», agrega o comunicado.
Na primeira fase deste plan de regularización, realizaríase de xeito virtual a inscripción dos estranxeiros no Rexistro único de Migrantes Venezolanos, co que as autoridades colombianas agardan caracterizar e identificar á poboación venezolana radicada en Colombia.
Na segunda fase, expediríase un Permiso de Protección Persoal, que permitiría aos migrantes venezolanos acreditar a súa situación regularizada e residir legalmente en Colombia durante 10 anos.
A misión de Nacións Unidas en Colombia saudou a iniciativa cunha mensaxe na súa conta de Twitter: «Este acto de solidariedade permitirá que migrantes e refuxiados accedan a servizos básicos e que contribúan á economía do país».
O secretario de Estado de Estados Unidos, Antony Blinken, tamén aplaudiu a medida.
«Eloxiamos o anuncio de Iván Duque sobre un estatus de protección temporal para os máis de 1,7 millóns de migrantes venezolanos en Colombia. Estados Unidos está do lado de Colombia no apoio a refuxiados e migrantes, mentres nós traballamos tambén para reconstruír e expandir os nosos programas humanitarios en todo o mundo», tuiteou Blinken.
Segundo o corresponsal de BBC Mundo en Colombia, Daniel Pardo, trátase dun paso «histórico», que chega en «un momento de crise con aumento da xenofobia».
Dacordo coas cifras de Migración Colombia, a 31 de decembro de 2020 atopábanse en Colombia máis de 1.729.000 venezolanos, dos que máis de 966.000 estarían en situación irregular.
A masiva chegada de venezolanos foi obxecto de polémica en Colombia e tamén motivou roces entre os gobernos colombiano e venezolano, que teñen desde hai anos unhas relacións conflitivas.
Duque acusa ao presidente venezolano, Nicolás Maduro, de ser un «ditador», mentres que este acusa ao seu par colombiano con frecuencia de estar detrás de plans para desestabilizar a Venezuela e rematar coa súa vida.
A grave crise económica na que vive Venezuela desde que Maduro chegou ao poder empurraron a millóns de cidadáns a emigrar, e moitos fixérono á veciña Colombia, que pediu en reiteradas ocasións axuda á comunidade internacional para facer fronte a este problema.
Segundo Acnur, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, máis de 5 millóns de venezolanos deixaron o seu país.