A Xunta de Galicia investirá 4,6 millóns de euros en 111 accións formativas que se desenvolerán nos centros educativos de FP, co fin de coordinar a oferta de formación profesional ás demandas do tecido industrial e produtivo da Comunidade
Xunta de Galicia ofrecerá este ano un total de 111 cursos de formación para o emprego nos centros educativos que imparten ensinanzas de Formación Profesional. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaronun convenio de colaboración para a impartición destas accións formativas para persoas desempregadas (AFD). Trátase de coordinar a oferta de formación profesional ás demandas e necesidades do tecido industrial e produtivo de Galicia.
Os cursos de Certificados de Profesionalidade para desempregados impartiranse en centros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No acordo recóllense 111 cursos: 52 na provincia da Coruña, 22 en Lugo, 11 en Ourense e 22 en Pontevedra. A formación diríxese a persoas inscritas como demandantes de emprego ou que formen parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Todos os cursos deberán incluír no seu programa o módulo transversal de inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero (10 horas), así como un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica (8 horas).
Serán profesores dependentes da Consellería de Educación os que impartan as accións formativas, mentres que o departamento de Emprego asume os custos directos e asociados dos cursos, por importe de 4,6 milións de euros, así como o pagamento das axudas e bolsas a traballadores desempregados que participen nestas formacións.
Esta colaboración pon os centros educativos que imparten ensinanzas de FP a disposición das accións formativas para o emprego. Non en balde, o fomento da empregabilidade entronca directamente cos obxectivos últimos do impulso que se lle deu á Formación Profesional desde o Goberno galego na última década, que redundou nun incremento de máis do 50% da súa matriculación.