A Garda Civil considéraos presuntos responsables de 13 delitos contra o patrimonio cometidos en varios municipios do sur da provincia de Pontevedra.
As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, e nas que colaborou puntualmente un Policía Local fóra de servizo, iniciáronse no mes de outubro do pasado ano cando tiveron coñecemento dunha serie de furtos e roubos do cable de telefonía móbil na liña de costa de Baiona a Oia.
Logo de recompilar unha serie de información relacionada con outros feitos permitiron aos axentes localizar os puntos onde se vendera parte do cable subtraído e a conseguinte identificación dos presuntos autores que resultaron ser tres veciños do barrio vigués de Lavadores. Un deles faleceu como consecuencia dun accidente de tráfico durante a fase de investigación e os outros dous foron detidos.
Atribúeselles a presunta comisión de oito delitos de roubo, nuns casos, e furtos noutro, dunha importante cantidade de cable do tendido de telefonía móbil nos termos municipais de Baiona, Oia, Mos, Porriño e Redondela.
Ademais, no transcurso das investigacións que se levaron a cabo no marco dea denominada operación Rocaoia, tamén foron identificados como presuntos autores de dous roubos con forza nun restaurante de Oia e nun bar de Salceda de Caselas. En Oia tamén se lles atribúe outros tres roubos con forza nunha caseta de obra, nun bungalow e no depósito de augas.
As dilixencias e o material intervido entregáronse no Xulgado de Instrución nº 5 de Vigo, onde deberán comparecer os detidos cando sexan requiridos.
Rouban o cable telefónico de 40 casas en Louredo, Mos