O Concello de Ponteareas vén de mercar catro parcelas para destinalas a incrementar os equipamentos culturais en Arnoso, Bugarín e Xinzo.
Os terreos están situados a carón ou no entorno das Casas e Centros culturais destas parroquias.
No caso de Arnoso adquiríuse a única finca sen edificar que limita coa Casa Cultural e polo tanto a única posibilidade de ampliar os terreos no seu entorno. A intención do Goberno Local e adicar esta parcela a ampliar as instalación da Casa Cultural para que conte cun salón de actos acorde coa parroquia xa que o tamaño do actual correspóndese co dunha aula da antiga escola. En Bugarín a parcela mercada limita co Centro Cultural e converterase nun espazo de xogos infantís e outros usos sociais. Finalmente no caso de Xinzo tratase de dúas parcelas situadas no entorno do Centro Cultural que teñen como finalidade a construcción dun parque infantil. Nesta parroquia o Goberno Local ten abertas xestións cos propietarios doutras parcelas lindantes para completar os terreos que se precisan para esta finalidade.
Os prezos de adquisición foron fixados mediante valoración realizada pola arquitecta municipal a partir dos prezos establecidos oficialmente pola Xunta de Galicia, sumando un total de 41.878 euros cunha extesión conxunta de 2.806 m². O alcalde, Xosé Represas, agradeceu a boa disposición de todos os propietarios e propietarias para facilitar esta adquisición para o patrimonio municipal a eses prezos mesmo inferiores aos de mercado en libre concurrencia.
Xosé Represas salientou que “este investimento financiado con fondos propios é un novo exemplo da boa saúde económica da que goza o Concello de Ponteareas tralo saneamento económico realizado no anterior mandato. Nos últimos anos Ponteareas adquiríu novo patrimonio, coma dúas edificacións na Praza Maior e propiedades en parroquias coma a de Pías e agora nestas tres parroquias. Tras décadas cun Concello arruinado que era incapaz de adquirir patrimonio para novos servizos públicos agora temos un Concello con capacidade para afrontar estes importantes investimentos”