domingo, diciembre 22, 2024
InicioNewsA RaiaAmeazan con mobilizacións se non abre a fronteira para os traballadores

Ameazan con mobilizacións se non abre a fronteira para os traballadores

Os rexidores dos municipios fronteirizos do Miño envían un comunicado aos gobernos de Lisboa e Madrid urxindo a apertura de máis pasos para os traballadores.

Entrevista con Uxio Benítez emitida hoxe no programa comarcal:


Os alcaldes e alcaldesas dos municipios da raia do Miño volven a estar unidos fronte ao peche das fronteiras que dificulta a vida dos traballadores transfronteirizos, obrigados novamente a trasladarse a Tui e Valença para pasar polo único paso aberto na provincia de Pontevedra. Ante isto, os concellos raianos, coordinados polo Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño, urxen por escrito aos gobernos centrais de España e Portugal, e á Xunta de Galicia, a reapertura das cinco pontes do Miño para as persoas traballadoras cos controis necesarios. De non seres así, emprenderán mobilizacións.Os mandatarios municipais de Cerveira, Arcos de Valdedez, Caminha, Melgaço, Monçao, Ponte de Barca, Valença, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda, Salvaterra, As Neves, Arbo, A Cañiza e Ponteareas asinaron un documento no que manifestan a súa vontade de colaborar cos estados no que fose preciso, mais advirten que “se non se nos comprende, se no se nos atende como pasou a última vez en xuño, cando ao final se conseguiu abrir o resto dos pasos, emprenderemos mobilizacións porque entendemos que é algo xusto”.
A indignación é xeralizada porque, segundo Uxío Benítez, vicedirector da AECT Río Miño, os traballadores transfronteirizos “viven unha situación de desgaste físico e psicolóxico debido ás filas interminables e aos rodeos, cun impacto no día a día persoal e profesional, non tendo o mesmo rendimento produtivo”.
No comunicado que se trasladará oficialmente aos gobernos centrais e á Xunta, sublíñase que durante o período do primeiro confinamento pola pandemia, a ponte internacional de Tui-Valença,a única aberta no territorio miñoto, concentrou preto do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, motivo que fixo que ámbolos dous estados recoñeceran a situación e, finalmente, reabriran as pontes de Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço. “Neste segundo momento de peche de fronteiras é completamente incomprensible non ter esta realidade en conta e volver caer no erro inicial”, denuncia Benítez.
O texto asinado polos concellos tamén destaca que os horarios de apertura parcial estipulados para Salvaterra e Monçao tampouco son útiles para o persoal laboral de ámbolos lados da raia, xa que traballan en quendas diferentes, polo que se apela aos gobernos a habilitar en todos os pasos horarios verdadeiramente axeitados ás súas necesidades.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS