A Eurocidade Tomiño-Cerveira presenta o proxecto de «Parque da Amizade» ao delegado do Goberno en Galicia.
Tomiño e Vila Nova de Cerveira buscan apoios para que o proxecto de “Parque da Amizade”, a maior área recreativa transfronteiriza de Europa, sexa unha realidade. Por iso, o presidente da Câmara de Cerveira, Fernando Brito, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, apoiados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño e pola Deputación de Pontevedra, presentaron a iniciativa ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen se comprometeu a facer un seguimento da tramitación do proxecto ante os organismos estatais implicados co fin de axilizar a súa execución. Losada definiu este o “Parque da Amizade” como un “proxecto único para a provincia do que se vai a beneficiar toda Galicia”.
O “Parque da Amizade” unirá o parque Castelinho de Vila Nova e o Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño) a través dunha ponte peonil e ciclista. Ambas fronteiras entre España e Portugal estarán conectadas a través dunha área de lecer de máis de 25 hectáreas e unha red de sendas verdes trasnfronteirizas que multiplicarán o valor natural, turístico e social da Eurocidade Tomiño-Cerveira.
A ponte peonil que achegará ambas fronteiras estará deseñado polo prestixioso arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira, vencedor do concurso de ideas convocado pola Deputación de Pontevedra para trazar a infraestrutura que unirá o primeiro europarque peninsular. O proxecto “Raia”, de Álvaro Siza, foi o que conseguiu a maior puntuación das 24 propostas que se presentaron ao certame. Ademais do seu atractivo turístico, a pasarela permitirá ao veciños de Tomiño e Cerveira acceder a pé a estación de tren de Vila Nova, facilitando a mobilidade entre ambos países.
“Estudiamos o proxecto, que xa foi adxudicado a uns grandes urbanistas. Agora toca facer un seguimento da súa tramitación ante as administracións, tanto de España como de Portugal, para axilizar a súa execución, e eu comprométome a facelo dende o territorio español”, manifestou o delegado do Goberno tras a reunión con Sandra González e Fernando Brito, aos que felicitou por esta iniciativa de “altísimo potencial”.