domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaAs melodías recollidas polo musicólogo Alan Lomax soan en Mos

As melodías recollidas polo musicólogo Alan Lomax soan en Mos

O grupo Cantometrics pon en valor o patrimonio inmaterial galego interpretando melodías do arquivo do musicólogo Alan Lomax nun concerto que vaise celebrar este sábado, 6 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Guizán.

O arquivo de Alan Lomax é unha inesgotable fonte de melodías de gran parte do planeta no que Galicia ten un posto destacado. Acompañado de Jeanette Bell, o musicólogo percorreu o país gravando melodías, permitindo que a día de hoxe coñezamos músicas que doutro xeito terían desaparecido. Son estes sons, gravados nos anos cincuenta, os que Cantometrics recolle e transforma empregando acordeón, marimba, percusións, zanfona, gaita e voz.
Cantometrics quere dar homenaxe a este traballo de recollida revisitando as músicas e as historias que as acompañan: que é iso do cantometrics? Por que Lomax foi investigado polo goberno estadounidense? Quen son as persoas que cantan no seu arquivo? Que teñen en común a música dos canteiros galegos coa dos mariñeiros calabreses? E un capador de Faramontaos con Miles Davis?
A proposta musical do espectáculo complétase cunha breve achega á figura do musicólogo e da súa colaboradora, así como das persoas ás que se lles realizaron as gravacións: Lomax e Bell entenderon que as entrevistas ás informantes eran parte imprescindible do seu traballo e, do mesmo xeito, Cantometrics quere que o público entenda a través das vivencias destas dúas personaxes a importancia do seu traballo.
Coincidindo co 70º aniversario da viaxe de Lomax a Galicia (1952-53), Cantometrics renova e pon en valor o repertorio galego do arquivo de Lomax, mostrando as súas conexións con músicas doutras localizacións; ademais de reivindicar o papel das mulleres neste arquivo, tanto o das informantes como o da propia Jeanette Bell, moitas veces esquecida nas biografías do musicólogo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS