Un piso en Ourense agochaba unha rede criminal de trata de mulleres que a Policía Nacional desartellou con 5 detidos en Ourense e dous en Madrid.
As mulleres eran captadas en Colombia e Venezuela a través de redes sociais, aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade e necesidade económica.
Facilitábanlles a documentación necesaria, así como o xeito de proceder no aeroporto para non ser detectadas, e unha vez en España trasladarse a Ourense, onde as recibía o líder da organización.
Á chegada eran informadas de que tiñan unha débeda duns 3.000 euros que debían saldar exercendo a prostitución.
Debían estar dispoñibles 24 horas ao día os sete días da semana, non tiñan liberdade para saír, sempre eran escoltadas por membros da organización e estaban constantemente controladas por cámaras de videovixilancia nun piso de prostitución en Ourense.
Hai sete persoas detidas, cinco en Ourense e dúas en Madrid e realizáronse dous rexistros domiciliarios en Ourense en que se comisaron máis de 18.000 euros en efectivo, substancias estupefacientes, dous teléfonos móbiles e diversa documentación.