Trátase dun curso oficial homologado e expedido pola Xunta de Galicia cunha duración de 200 horas para o cal xa está aberta a inscrición
O Concello do Porriño, en colaboración coa ETL Avada Sociedade Cooperativa Galega, pon en marcha o Curso Homologado de Monitor/a de Tempo Libre. Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas cunha fase de prácticas de 150 horas a realizar unha vez rematada a parte teórica.
O prezo é de 250 euros, 225 para as persoas que dispoñan do carné Xove e 200 euros para as empadroadas no Porriño.
O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo libre e estará formado sobre como dirixir grupos de persoas menores ou maiores e dinamizar, coidar entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.
Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais ou establecementos turísticos, entre outros.
Desde hoxe ata o próximo 21 de abril poderanse realizar as inscricións a través da seguinte ligazón: www.avada.gal/etl/matl/porrino/. Darase prioridade ás persoas empadroadas no Porriño.